Sunday 28 de April de 2024

Unha Travesía de Augas Abertas a beneficio da Asociación contra o Cancro surcará a distancia entre Illa de Rúa e o Club Náutico


A cita terá lugar o vindeiro 25 de xuño pola mañá

O vindeiro domingo 25 de xuño o municipio riveirense vai dar cabida a unha nova actividade deportiva que conta ademais co valor engadido de ser solidaria: a Primeira Travesía a Nado Illa de Rúa, unha iniciativa que nace da alianza entre o Club Natación Riveira, a Asociación Española contra o Cancro (AECC), o Club Náutico de Riveira e Concello para potenciar nun entorno ideal como o que acredita o no noso municipio a disputa de probas en augas abertas.

Julio Simarro e José Carlos Matilla como presidente e vicepresidente do citado club de natación; María José Carreira como presidenta da delegación riveirense da AECC; José Luis Torres como presidente do Club Náutico; e Manuel Ruiz como alcalde; estiveron nas instalacións do náutico para referir as principais características da competición, na que hai xa un cento de apuntados aínda que as inscricións seguirán abertas ata este martes (en http://bit.do/illaderua).

Segundo explicou María José Carreira, a idea da proba xurdiu do adestrador Juan Carlos Brión (hoxe non puido estar na presentación por atoparse co equipo en Cataluña), quen suxeriu á AECC a posibilidade de organizar esta travesía.

A idea cristalizou e a proba dará comezo ás 10.30 horas con saída de Illa de Rúa e finalización nas instalacións do Náutico despois de cubrir a distancia de 4,4 quilómetros que separan ambos puntos. Entre os xa confirmados destacan deportistas de nivel internacional como Gaspar Andrade, Cristian Fernández, Xenia Vilariño ou Paula Goyanes.

Un catamarán levará os participantes ata a illa e despois aqueles que queiran presenciar de preto a proba poderán embarcar nel e seguir a súa evolución. Tamén se contará coa asistencia dun dron submariño para gravar certos momentos como a saída.

Charla coloquio na véspera
Na véspera, sábado 24 de xuño, celebrarase unha xornada técnica que incluirá unha conferencia de José Rivera Lamigueiro, director técnico do Club Santa Olalla de Gijón, e unha charla coloquio con deportistas locais con experiencia internacional na disciplina de augas abertas tales como Iván Brión, Manuel Davila ou Manuel Tomé.

Dende a organización se dou ás grazas aos numerosos patrocinadores e colaboradores que fan posible celebrar esta proba a beneficio da AECC e convidouse a todos os veciños a presenciala.